Saturday 18 de May de 2024

Máis de 1.200 persoas participaron nas 54 actividades organizadas polo Centro Demostrador TIC no primeiro semestre do ano


O CDTIC da Amtega ten previstas xa catro novas actividades entre o 13 de setembro e o 6 de outubro

No primeiro semestre do ano o Centro Demostrador TIC da Amtega organizou un total de 54 actividades entre sesións demostradoras, seminarios de formación e encontros para achegar as TIC a pemes e autónomos. Máis de 260 empresas participaron no programa formativo do CDTC ao que asistiron 1.200 persoas, 207 a través do sistema de videoconferencia das aulas CeMIT e 326 vía streaming.

O CDTIC traballa xa nas actividades que vai organizar no segundo semestre do ano. Polo momento, hai xa catro pechadas entre setembro e primeiros de outubro. Así, o día 13 do vindeiro mes retómanse os seminarios de formación coa actividade Atrae visitantes e convérteos en clientes co inbound marketing que se celebrará na aula CeMIT de Ourense de 16.00 a 20.00. Continúan a semana seguinte, o día 19, cunha nova sesión formativa, desta volta na aula CeMIT de Lugo, e que leva por título Sácalles partido ás redes sociais para impulsar o teu negocio. Dez días despois, o 29, unha nova edición da sesión demostradora Xestión práctica dunha empresa de distribución alimentaria con Odoo chegará á aula CeMIT da Coruña. Xa no mes de outubro, o día 6, haberá unha sesión demostradora nas instalacións do CDTIC de Santiago baixo o título Controla os prezos dos teus competidores en tempo real con Boardfy.

Para chegar a un maior número de usuarios o Centro Demostrador estreitará a colaboración coas principais aulas CeMIT de cada provincia que retransmitirán as actividades a través do sistema de videoconferencia da rede. Así, as aulas da Coruña (Centro Cívico de Eirís), Lugo (O Castiñeiro) ou Ourense (La Molinera) serán o escenario dalgunhas das próximas xornadas previstas.

Centro Demostrador TIC virtual
Outro dos servizos do Centro é o CDTIC Virtual, no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles son Xeshostal, un software para a xestión hoteleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; así como CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interesen. Ata o momento xa o fixeron un total de 61 empresas usuarias do CDTIC Virtual.

MapaTIC.gal
Ademais, o MapaTIC.gal do CDTIC ofrece un directorio especializado de solucións e empresas TIC de Galicia no que xa están rexistrados máis de 350 provedores. Este servizo é gratuíto para todas as empresas que ofrecen servizos TIC e queren aparecer neste directorio.

Entre as vantaxes de estar no MapaTIC destacan o acceso preferente ás actividades organizadas polo CDTIC, a publicidade na rede, a difusión a través de redes sociais ou notas de prensa etc.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.